PRAIA DA INSUELA

Insuela_20150404_122237-Web

Ao pisares esta praia ao pé do monte Pindo, imaxinas noites cheas de silencio en movemento, de cargas e descargas, de présas e desacougos, vixiando cara ao camiño e cara ao mar, axexando por onde poidan vir os problemas.

Tamén dás en imaxinar pesca e marisqueo, patelas a rebordar nécoras ou sargos frescos e relucentes.

Paseando pola praia sentes que te recolle do pequena que é, coas altas rochas formando un colar gris arrodeando a area branca e deixando unha abertura cara ao mar, o mar océano, ese mar que cando miras a liña do horizonte só ves mar. E presentes a inmensidade agachada detrás desa raia onde se xuntan os azuis, o mariño con fitas prateadas e o celeste que case torna en branco no horizonte.

Hai unhas casetas de muros sólidos de pedra gris que se mesturan coas rochas, coma se a construción humana fose unha continuación da paisaxe que se suma ás pedras que baixan pola faldra do Pindo.

A Insuela é un espazo escondido e case privado, só para coñecedores e propios.

©Mabel Pérez Simal

Corrección Lingüistica: Begoña Méndez

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *