Na Bahía de Lugrís

Pousa nese penedo desde onde avista a baía enteira e fica queda, gozando do sol e observando, curiosa, todo o que sucede nese espazo de seu; vaia, ela sénteo propio de tanto tempo que pasa alí e do ben que o coñece.

Agora pasa un barco, un enorme vapor no que viaxan centos de persoas; sae do porto emitindo ese son que retumba e anuncia a partida a toda a cidade. Pode ver as caras que se asoman a cuberta, pode ver as expresións de felicidade, de medo, de dúbida e de desacougo, onde irán e por que viaxarán?

Talvez haxa afoutos viaxeiros dispostos a descubrir o mundo e as súas marabillas; coma outrora Mark Twain, na compaña de podentes e aventureiros amigos arrodeados de baúis e comodidades.

Quizais viaxan a América vía Lisboa para ver os seus; ou son os primeiros traballadores que ousan facer por vida lonxe da miseria e da tristura en que fican as súas familias.

Apoiada na varanda, unha muller elegante protéxese e íllase cun parasol. Despide os parentes que a acompañaron ata o porto e a miran con seria actitude. Inqueda, culta, decidida a viaxar, a coñecer e aprender, a saír da atmosfera de trivialidades que a afoga, desa vixilancia morbosa. Outras culturas, outros idiomas han insuflarlle o osíxeno que precisa… coma ela precisa o movemento.

Mira para a Torre inamovible, tan ergueita e vixiante. Por veces ten a sensación de que o sabe todo dela e do que pasa neste espazo de mar que domina co feixe de luz do seu faro, tanto ten o tempo que faga…

Hoxe o mar está calmo, pero cando se embravece as ondas baten e saltan ganduxando no aire encaixes de espuma branca. Unha finísima nube de gotas cáelle liviá no pelo e a cara: ummmm! pode saborear o sal seco nos beizos.

A calor do sol acaríñaa, tanto lle gusta que sente preguiza en volver, pero non lle queda outra, leva moito tempo fóra da auga e a cola empeza a secar.

©Mabel Pérez Simal
Corrección Lingüística: Begoña Méndez

TURGA_sirena

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *